TRABALLO DE COLABORACIÓN DO DEPARTAMENTO DE CCSS-XªHª DE GALICIA
No primeiro trimestre do curso actual recibimos no Departamento de CCSS unha solicitude da profesora Luz para participar co Departamento de Inglés no Proxecto Comenius que se ven desenvolvendo dende hai anos no noso Instituto de Santomé de Freixeiro (Vigo). O profesor responsable da colaboración, Eduardo, estendeu a súa vez a invitación a outros profesores do Seminario.
A proposta inicial dos centros implicados en Comenius consistía na elaboración, a partir de materiais da plástica galega e de temática femenina, dun collage orixinal a realizar polos alumn@s de 4º de ESO. A delegación de Eduardo, que se reservaba a selección dos documentos motivadores e contextualizadores da actividade didáctica, aos compañeiros supostamente máis competentes en contidos de historia da arte galega, consistía na selección de obras artísticas significativas preferentemente accesibles na nosa cidade, que inicialmente deberían ser 5 e finalmente só poderán ser, por razóns presupostarias, 3.
O traballo de selección foi desenvolvido polos alumn@s de Xª-Hª de Galicia (2º bach). Nunha primeira fase, realizaron enquisas aleatorias na web que terían como producto a elaboración de primarias presentacións PPT que favoreceran o intercambio da experiencia e a posta en común. De resultas desta actividade chegamos a unha conclusión: o carácter renovador da plástica galega quedaba oculto por unha temática de apariencia historicista e socialmente ruralista afastada das realidades inmediatas dos alumn@s, que só podía superarse cun traballo de información sobre a conciencia política (de política cultural) que os “novos” artistas galegos tiñan do papel transformador da arte na sociedade de masas contemporáneas. Estabamos nesta segunda etapa cando se produce o pasamento de Isaac (só temos un Isaac, unha encarnación da ética de Castelao, que nos envolve a todos os galegos, sen excepción). Como recoñecemento e homenaxe optouse pola “SERIE MULLERES” da Colección Cerámica de Sargadelos como o instrumento que filtrara de xeito obxectivo as obras dos pintores a elexir entre os representados na viguesa Pinacoteca Municipal Quiñones de León.
A serie de mulleres deseñadas exclusivamente por Isaac son pezas numeradas (1-2000) de tamaño aproximado de 12/13 cms composta por 9 figuras de cor rosada e peinado característico dos deseños de Isaac, quen ten afirmado, non sabemos se en broma, que están inspiradas nas mulleres que coñeceu estreitamente ao largo da súa vida (todas as pezas estan identificadas con nomes propios). Como deciamos, tentamos rastrear na súa expresividade corporal o canon ideal da muller segundo a iconografía máis figurativa da arte renovadora da plástica galega do século pasado.
Algúns ligazóns de interese:
http://antoncastro.blogia.com/2012/010602-isaac-diaz-pardo-unha-entrevista-con-xesus-fraga.php
http://arelarte.blogspot.com/2010/04/seoane-laboratorio-de-formas-de-galicia.html
http://www.almargen.com.ar/?p=660
http://mayores.uji.es/proyectos/proyectos2007/Sargadelosceramica.pdf
http://centros.edu.xunta.es/iesilladetambo/departamentos/XeografiaHistoria/
Finalmente o escrutinio deu como resultado a seguinte selección:
1º) Roberto González del Blanco, “A vendedora de froitas“
2º) Carlos Maside García, “Lavandeiras ao abeiro do rio“
3º) Manuel Torres González, “Campesiñas en repouso“.



